Chamámonos “A Casa de Rosa Mazaroca” en lembranza dun pasado familiar que evoca unha forma diferente de facer as cousas, onde a hospitalidade cos de fóra e o respecto pola terra fluían dun xeito natural. A avoa Rosa era coñecida pola súa paixón pola comida e a xenerosidade da mesa e, grazas a ela, a nosa memoria gastronómica está vencellada ao “bolo do pote”, o amasado na “artesa” do bolo de Nadal, as “sopas de cabalo cansado”, e tantas outras receitas tradicionais que nos propomos recuperar.
Escoller o lugar onde revivir estas lembranzas gastronómicas foi doado: os baixos da casa familiar que serviran anos atrás coma adega. Un espazo transformado agora nun acolledor restaurante que invita a retrotraernos a aquela época.
As Mazarocas, o alcume familiar, representa a todas as mulleres loitadoras da zona, mulleres xenerosas que gustaban de acoller aos visitantes ao redor dunha cociña. De alí saíron importantes decisións familiares, moito cariño, moitas ideas e, sobre todo, moitos momentos felices.
Por todo iso, para manter vivo o noso pasado, propuxémonos homenaxear a Rosa do mellor xeito posible: cunha boa comida nun entorno acolledor.
Desexamos que na casa da Rosa Mazaroca vos sintades coma na vosa propia casa. A ela encantaríalle.