Os produtos utilizados na elaboración dos pratos que ofrecemos veñen directamente da leira do restaurante, doutras leiras veciñas e de mercados de proximidade. Son produtos de calidade, de elaboración natural e forman parte das receitas dos nosos antergos que foron transmitidas de xeración en xeración. Un legado do que as mulleres desta familia nos sentimos orgullosas.
Facemos cociña tradicional da zona e só ofrecemos pratos de temporada xa que o noso compromiso é o respecto á terra e ó seu ciclo natural.
Na nosa horta, ademais de patacas e verduras variadas, tamén temos unha grande variedade de froiteiros típicos do lugar coma figos, brevas, fatóns, bruños, mazás, peras, laranxas, cereixas ou nísperos. Elementos destacados para a cociña que queremos compartir con todas e todos vós.
A combinación da tradición na elaboración dos pratos coa obtención dos produtos de xeito natural na nosa horta contribúe a manter unha actividade sostible, xeradora de emprego e de riqueza na zona. Desta forma, as mulleres da casa de Rosa de Mazaroca queremos amosar o noso compromiso, día a día, en cada unha das nosas accións, co medio ambiente e con noso entorno.
A sustentabilidade pola que apostamos tamén vai asociada á propia rehabilitación do local no que se atopa o restaurante, un espazo que respecta a tipoloxía tradicional da zona, con materiais nobres e todos os elementos necesarios para contribuír ao aforro enerxético, a través do uso de enerxías limpas.